Machado tiña razón? A poralización que pode acabar coa democracia

Publicado por PRAZA PÚBLICA ó 13, febreiro 2021

«Ya hay un español que quiere/vivir y a vivir empieza, /entre una España que muere/y otra España que bosteza. /Españolito que vienes/al mundo te guarde Dios. /Una de las dos Españas/ha de helarte el corazón».

Antonio Machado

Este coñecido poema de Antonio Machado, musicado por Sabina para o programa Si yo fuera presidente, parece condenado cobrar vixencia cada certo tempo. Reflicte a redución á mínima expresión de todo o que compón o Estado, dúas Españas condenadas a enfrontarse polas súas distintas concepcións. É coma se a Mater dolorosa, descrita polo historiador Álvarez Junco, non só existise, senón que continuase imperturbable e sen visos de cambio. Pero, é certo esta realidade que reflicten cada día os medios de comunicación extraído da actualidade política? Non o creo.

Atopámonos diante a maior crise sanitaria e económica desde a posguerra e, no canto de contemplar como se chega a un acordo, asistimos atónitos a sesións parlamentarias que se asemellan sen rubor a unha especie de parvulario, que avergoña máis que axuda. O prezo deste circo é perigoso: o desprestixio do poder lexislativo, que é un dos piares fundamentais nos que se sustenta a democracia. Así que, “galeguiño”, “un dos dous Estados vai xearche o corazón”, porque quen debería detentar a responsabilidade social e política son quen primeiro a están dinamitando. As elites políticas (non podemos esquecernos das económicas ou do papel ambiguo que xoga Europa) son claves no asedio que está a sufrir á democracia. Os partidos políticos e, algúns medios de comunicación, non poden seguir desprestixiando a democracia, porque é a porta de entrada de populismo ultranacionalista como o que abanderou Donald Trump en Estados Unidos, Jair Bolsonaro en Brasil, Boris Johnson en Reino Unido ou Viktor  Orban en Hungría e, en España, da man Vox. Polo tanto, o que nos estamos xogando é moito.

Imaxe do Congreso dos Deputados durante un pleno © Congreso

E realmente, ten razón Machado? Teñen vixencia os seus versos das dúas Españas na actualidade? O Parlamento xoga á ruleta rusa cada vez que se reúnen. Pero non se pode caer na, xa manida, frase de que “todos/ as son iguais”. Neste caso, hai que sinalar que ao contrario que noutros países da nosa contorna, os partidos da oposición, o Partido Popular, Ciudadanos e Vox, non estiveron á altura das circunstancias. Algo que parece que perdurará no tempo que continúe a coalición de goberno. Non digo que non haxa un escrutinio escrupuloso do traballo e declaracións que realice o Executivo, pero debe esixirse o nivel esperado a un servidor público. Non se pode permitir que partidos da oposición aprópiense de todo aquilo que teñen á súa disposición como arma arreboladiza. Refírome dos símbolos do Estado, pois se manifestan sen rubor ondeando bandeiras de España como único argumento político. O uso da linguaxe belicista, con cualificativos de ilexítimo e socialcomunista, é insultante para todos aqueles que os votaron e pensan doutra forma á defendida pola oposición. 

Por un momento, é difícil crer nun mundo que no que a dicotomía non sexa un feito. Achéganse as eleccións catalás e a poralización convértese en máis perentoria. Divídese á sociedade en independistas e non independentistas. Pero, está así de dividida a sociedade? Necesitamos outra forma de facer política, pois é o único camiño para solucionar os nosos problemas. Unha política sensible co diferente, empática e non belicista. É moito pedir? Penso que non, porque a sociedade non ten esa forma de pensamento tan estanco. Polo menos, négome a pensar que así sexa. Necesitamos un dialogo serio, responsable, honesto e sen mentiras e porque requirimos solucións valentes a problemas complexos. Necesitamos unha convivencia na que se defenda a diferenza como un valor cultural en si mesmo e que algúns partidos políticos –PP, Cs e Vox– veno como un problema e non como o patrimonio inmaterial que supón. Sería interesante que un estremeño puidese aprender, por exemplo, galego, con toda a riqueza cultural que vin aparellado ese idioma. Ou un galego castelán, na escola.

Creo nos matices, nas persoas e políticos que desde a serenidade queren unha convivencia distinta, sen bandeiras. Máis en tempos de crises. A min emocióname L’estaca e choro co que Que tinguem sort, de Lluis Llach; encántame Mediterráneo de Serrat por moi do Atlántico que me senta; gozo con Antonio Gaudí, pasear por Barcelona, coñecer as súas rúas e arquitectura; adoro Donosti, Gazteiz e Bilbo, e por suposto, encántame a súa gastronomía, a súa xente, a súa festa da Virxe Branca ou o seu silenciado rock e punk da transición; me hipnotizan Machado e Lorca, este último, o máis andaluz e universal dos poetas do sur da península. O seu Paco de Lucía, o seu Raimundo Amador, Lola Florez o noso Camarón da Illa. De Atocha subiron a Madrid e volve, cara o sur os Luís García Montero, Almudena Grandes, Antonio Muñoz Molina, Benjamín Prado, Aurora Luque, funambulistas de palabras en Madrid. De Manila, nunca veñen cousas malas e aterrizou Luís Eduardo Aute que convertía en arte todo o que tocaba. Ou Sabina, que pon poesía á música, e música á vida, trobador, como o foi o magnífico Luís Cernuda, de Madrid. Do mesmo xeito que Javier Krahe, un mestre da métrica que percorreu o Madrid máis canalla, o Madrid máis interesante. Ou a sempre marabillosa Cristina Rosenvinge.  A prosa e a poética de Ana Merino ou Carmen Mola. A defensa, cunha exquisita calidade literaria, do necesario feminismo de Nuria Varela, Lucía Mbomio, Marta Sanz, ou Desirée  Bela-Lobedde. Nas Castillas gocei ao ver a súa Historia en primeira persoa, con tantas xoias Patrimonio da Humanidade. Encántanme Uviéu, Xixón, o seu Tratado de Urbanismo de Angel González, a súa sidra, a súa fabada, os seus carbayones, a súa xente, a súa alegría, pero tamén a súa parte máis sinistra da voz dun tal Nacho Vega. Por suposto, o miña Galicia, o precioso idioma de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Rosalía de Castro, Manuel Rivas, Branco Amor, a súa Longa noite de pedra, ou o seu castelán con influencias galegas de Valle Inclán ou Pardo Bazán. A música máis tradicional de Fuxan os Ventos ou a máis pop con pequenos matices que veñen de Sudamérica da man de Xoel López, esa Sudamérica tan chea de galegos que, co seu bandoleón, cantaron xuntos tantas milongas cheas de morriña. Sen esquecer as reivindicacións do colectivo LGTBI, que están a calar na sociedade, como na proliferación de murais que reivindican a mulleres que foron fundamentais no desenvolvemento humano.

Entender a diferenza, pero, sobre todo, convivir con ela coma se fose un agasallo, é o que creo que unha gran maioría das persoas quere e necesita. Ese españolito ou galleguiño, non ten que ver esas dous Estados, porque a imaxe desas dúas Españas condenadas a enfrontarse é só unha construción das elites políticas. 

A Guerra Civil española, deu forza a esta interpretación que viña realizando unha parte da elite intelectual desde a crise do 98. Pero a pesar dos enfrontamentos políticos que existiron ao longo do primeiro terzo do século XX, foi o golpe de estado o que rompeu as regras sociais que se teceron no pasado e obrigou á cidadanía para formar parte dun ou outro bando. Ata ese momento, os problemas sociais eran similares aos de calquera outra democracia liberal. Foi a propaganda e o discurso público do franquismo e do antifranquismo os que contribuíron esa simplificación do pasado. Non todos eran fascistas ou comunistas. Tamén había republicanos de centro, de esquerda, de dereitas, anarquistas, comunistas do PCE e de POUM, socialistas, monárquicos, nacionalistas cataláns, vascos, galegos e andaluces, católicos conservadores favorables á República e contrarios a ela, tradicionalistas, dereitistas máis e menos radicalizados, tamén, poucos, falanxistas e, sobre todo, algo que non se ten en conta, apolíticos e individuos que tiñan unha identidade voluble e cambiante. Nada diferente do que ocorre agora. Despoliticemos, no sentido partidista da palabra, as relacións sociais, e deixemos que esta actúe baixo a súa propia vontade e poidan tecerse outra vez de maneira autónoma, redes de solidariedade, asociacións, grupos de presión política, que sexan heteroxéneas na súa ideoloxía. Senón, estaremos nunha constante loita entre esquerda e dereita que non ten un verdadeiro reflexo social, nin tampouco visos de que poida poñerse fin. 

Reivindico un Estado moderno, empático, plural e no que sintamos orgullosos das diferenzas. Só se tomamos ese camiño, o gran Machado deixará dunha vez por todas de ter razón. Temos como sociedade importante retos para demostralo, esteamos á altura e imploremos aos representantes políticos que non soportan a diferenza que dunha vez por todas, xa non digo que a aprecien como facemos moitos, senón que polo menos a respeten. Á fin e ao cabo, son décadas, modificando os versos de Machado, nas que “ya hay muchos ciudadanos que quiere vivir” nun Estado diferente.

facebook
Twitter
Follow

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

es Spanish
X
error

síguenos