Publicado por PRAZA PÚBLICA o 5, marzo 2021
Recentemente, o historiador Fernando Mikelarena foi denunciado por publicar, con base documental, que durante o período de tempo en que estivo no poder un dos xefes dos requetés de Navarra produciuse a maior matanza e persecución de persoas favorables á Fronte Popular. A denuncia realizada polo neto do xefe dos requetés, quen á súa vez é fillo dun antigo dirixente de Unión del Pueblo Navarro. Este despropósito únese ao ocorrido hai uns anos, cando a Universitat d’Alacant accediera a borrar dous artigos de Juan Antonio Ríos Carratalá porque citaba o nome do alférez e secretario do xuízo sumarísimo de guerra que condenou á morte ao poeta Miguel Hernández. Por se non fose suficiente, hai relativamente poucas semanas, en Polonia, denunciaron e condenaron a dous historiadores, Barbara Engelking e Jan Grabowski, por afirmar, tamén con datos, a suposta colaboración dun alcalde dun distrito de Varsovia durante a ocupación nazi. Outro exemplo, xa máis distante e sen ánimo de ser exhaustivo, é o caso do historiador Dionisio Pereira, que en 2007 tivo que sufrir unha denuncia e posterior xuízo por afirmar que os alcaldes dunha localidade colaboraran no proceso represivo golpista de 1936. Todos estes exemplos teñen dous puntos en común. En primeiro lugar, dalgunha maneira sinalan a desprotección xurídica que padecemos os historiadores e historiadoras e, en segundo lugar, mostran o imposible desexo destes «herdeiros» de que os investigadores expliquemos o pasado sen aludir aos seus protagonistas, como acabo de tentar facer agora ao citar os casos expostos.
Hai que poñer negro sobre branco que, como sinalaba nun tweet o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Lourenzo Fernández Prieto, «nin a honra nin a deshonra deben herdarse». A investigación histórica non ten como meta manchar ningún nome ou reputación. Como expliquei nunha tribuna, tampouco ningún destes familiares, que se ve acusado polos descubrimentos que realizaron estes estudosos, debería sentirse avergoñados: as posibles faltas que cometesen os nosos antepasados nin nos fan «culpables» daquilo que fixesen, nin deberían lexitimarnos para ocultalo. Ese sentimento de herdeiros da (des)honra, tal como comentei nunha entrevista con Sebastiaan Faber de recente publicación, é o problema principal que temos como sociedade: considerámonos portadores políticos do pasado, cando non debemos ser herdeiros incondicionais de ningún suceso histórico. Nin sequera os que teñen que ver cos nosos familiares ou persoas próximas.
Neste sentido, deberíase tomar nota da honestidade de Julie Lindahl quen, investigando sobre a vida do seu avó, descubriu o que o resto da súa familia tentara ocultar durante anos: que aquel home fora unha alto xerarca nazi. Mesmo foi ata Polonia a falar coas vítimas do seu avó algo que deixou por escrito xunto co resultado da súa investigación nun magnífico libro titulado The Pendulum: A Granddaughter’s Search for Her Family’ s Forbidden Nazi Past. Un exemplo similar é o de Silvia Foti, quen comezou a realizar unha investigación sobre o seu avó, o xeneral Storm, un suposto heroe nacional lituano. Segundo avanzou nas súas pescudas, descubriu partes escuras, como que colaborou cos nazis e axudou a matar a xudeus na Segunda Guerra Mundial, algo que non dubidou en deixar por escrito nun imprescindible libro The Nazi’s Granddaughter. Non me podo esquecer do libro de Martín Davidson El nazi perfecto. El descubrimento del secreto de mi abuelo avó y el modo en que Hitler sedució a una generación. Ou como Géraldine Schwarz narra como os seus avós compraron unha fábrica a uns xudeus a un prezo irrisorio, unha familia xudía que logo foi asasinada en Auschwitz e a familia que mercou a fábrica se negou a reparación moral aos descendentes, algo que quedou relatado na impáctante Los amnésicos. Historia de una familia europea. Estas persoas entenderon que os actos dos seus antepasados non lles facían herdeiros da deshonra e por iso foron honestas co que acharon no desenvolvemento da súa investigación.
Estes traballos escenifican o labor do estudo dos acontecementos históricos, en todas as súas vertentes, e a diferenza coa memoria. A necesidade do estudo reside en que hai unha aplicación dunha metodoloxía para que con todas as memorias poda articularse un discurso comprensible sobre o pasado. O deber dos historiadores é escoitar –labor que considero crucial– todas as voces posibles, pero despois aplicar unha análise rigorosa para explicar as causas e consecuencias dun acontecemento, sen xulgar os actos dunha determinada persoa. O estudo da Historia é un labor que parte desde a sociedade civil, pero aplicando un método para articular o pasado, dotalo de sentido e ampliar o horizonte democrático do presente. A mera memoria en «bruto» non basta. Foi grazas á investigación que algúns cidadáns, como os antes citados, que se puido descubrir unha realidade distinta sobre os seus antepasados á que existía –ou algúns tentaron que prevalecese– no núcleo familiar. Outro exemplo fundamental é o modo en que o Pazo de Meirás foi recuperado pola sociedade civil –en mans da familia Franco–, en parte grazas a un informe técnico redactado polos historiadores Emilio Grandío e Manuel Pérez Lorenzo. Por iso, a Historia nunca busca honrar nin deshonrar a ninguén, só explicar, analizar e interpretar o pasado. Quen xenuinamente a estudan non aplican o sentimento de «herdeiros incondicionais» que si teñen os demandantes citados e que consideran que se está manchando a memoria da súa familia.
Doutra banda, se dá cabida a estas denuncias, a aqueles que nos dedicamos ao estudo do pasado empúxasenos a unha completa indefensión xurídica. Que podemos estudar? Podemos publicar o que vemos nun expediente que consultamos legalmente? Debemos preocuparnos os historiadores? Si, deberiamos estar inquietos: expoñémonos a que nos ocorra o mesmo que aos demandados. Se xa existen problemas intolerables co acceso á documentación que fai referencia ao noso pasado recente –algo inconcibible noutros países da nosa contorna–, estas denuncias acrecentan as dificultades ás que nos enfrontamos. Xa non só é que o acceso á documentación histórica debese ser un dereito garantido pola democracia –non un dereito que debamos seguir reclamando desde a sociedade civil, e que debería estar amparado xa pola lei de transparencia–, senón que agora expoñémonos a ser denunciados por publicar nomes de persoas que aparecen en expedientes aos que si temos acceso. Se normalizamos esta situación, acabaremos aceptando a peor das censuras, a autocensura, e negando os fundamentos da sociedade democrática.
Cabe preguntarse por que sucede isto en pleno século XXI, pasados 80 anos da guerra e máis de 40 da chegada da democracia. Non foi suficiente tempo? Na miña opinión, isto sucede porque, en tanto que sociedade, e a pesar das conquistas democráticas, non terminamos de romper cos lazos que nos unen ao franquismo nin no plano lexislativo, nin no xurídico, nin no cultural: non solucionamos os problemas que temos co noso pasado recente e iso pon de relevo un déficit democrático. É incomprensible que aínda haxa cadáveres nas cunetas, que se censuren artigos ou que se denuncie a investigadores, coma se vivísemos na década dos cincuenta. Considero que debemos, como sociedade, mirar cara a un horizonte, o marcado pola democracia e a defensa dos dereitos humanos, e comprender que o feito de lexislar sobre o pasado non implica unha imposición de ningún pensamento que non sexa o democrático (recordo que coa lei de memoria histórica de 2007 puideron escribir libremente intelectuais contrarios á lei de memoria histórica como Andrés Trapiello ou Javier Cercas ou historiadores revisionistas como Pio Moa). Evidentemente, todo pasa por condenar o golpe de estado, a violencia indiscriminada, a represión franquista e a ditadura. Non é algo que me invente eu. É algo que nos pide –e que debería avergonzarnos– nun informe recente, Pablo de Greiff, o relator especial das Nacións Unidas para o «fomento da verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición» e membro de Centro Internacional para a Xustiza Transicional (ICTJ). Tamén nos pide a elaboración dunha lei acorde ao noso tempo, que repare a todas as vítimas e sirva para fortalecer os cimentos do noso sistema político.
Cos seus actos, aqueles que se consideran «incondicionais herdeiros do pasado» o que buscan é silenciar ao mensaxeiro, para perpetuar a crispación e instrumentar o pasado con fins exclusivamente persoais e partidistas. Vémolo no congreso, nalgúns medios de comunicación, na linguaxe guerracivilista, nos actos de enaltecemento do fascismo e, polo seu posto, na actitude destes denunciantes. Desde a sociedade civil, quen investiga a Historia non o fai para abrir feridas, senón para pechalas, creando unha sociedade coñecedora do seu pasado, non «herdeira» dos seus erros e educada nunha cultura de respecto á diferenza. É iso, seica, é un delito?
Desde aquí o meu apoio a Dionisio Pereira, Juan Antonio Ríos Carratalá e, agora, a Fernando Mikelarena. Os historiadores Fernando Mendiola e César Layana da Universidade Pública de Navarra, redactaron un manifesto contra a xudicialización da investigación histórica. Eu non podo permitirme (nin quero) mirar a outro lado.
manifiestojudicializacion@gmail.com