A indignidade democrática (e militar) dos ruídos de sabre virtuais

Publicado en PRAZA PÚBLICA ó  24 de decembro 2020

É lamentable que, a piques de comezar a década dos anos vinte do segundo milenio, volvan oírse os ruídos de sabres. A pesar da obvia desazón que pode producir un comentario sobre a necesidade de acabar con vinte e seis millóns de persoas, é máis preocupante o feito de que fose proferido e aplaudido nun chat no que participan exclusivamente antigos altos membros do Exército e que os seus autores contactasen co xefe do Estado para instigarlo a dar un golpe de temón á realidade política actual. Evoca unha pantasma dos peores episodios da nosa historia e mostran a falta de contención dunha parte do Exército ao papel que se lle outorgou en democracia, cando a súa modernización e democratización dábanse por supostas. A súa función non é a de árbitro político, que é a que pretenderon exercer ao longo da contemporaneidade. Espero, que moitos dos membros desta institución sentan hoxe avergoñados e mal representados.

O chat dos militares evoca unha pantasma dos peores episodios da nosa historia e mostran a falta de contención dunha parte do Exército ao papel que se lle outorgou en democracia 

Esa pantasma remóntase ao século XIX, cando se fraguou dentro do Exército unha mentalidade intervencionista en asuntos de política interna, contraria ao seu verdadeiro labor: a defensa do exterior. Coa chegada do século XX, a perda das colonias de Ultramar e os continuos “desastres” no norte de África, o pensamento militar foi escorándose cara ao conservadurismo, especialmente, entre os que estaban destinados nos lugares mencionados. Lonxe quedaban as vitorias militares, glorias pasadas e estrañadas por moitos, que volveron os seus ollos á política interna e trataron de promulgar importantes cambios no seu seo. As asonadas buscaban cambiar o rumbo gubernativo, curiosamente, co fin de volver aos tempos do “glorioso Imperio español”, no canto de estar supeditas ao poder lexislativo. 

Ideoloxicamente, baseábanse no pensamento de Menéndez Pelayo, o cal se sustentaba nunha noción historicista da nación española. Esta teoría penetrou dentro dunha parte da intelectualidade, do Exército, da política e da sociedade. Unha nova derrota, a de Annual, e a súa consecuente protesta social, obrigaron o rei Alfonso XIII a buscar unha solución en Miguel Primo de Rivera. Tras o paso polo poder do xefe xeneral da Comandancia de Cataluña, chegou a Segunda República. Manuel Azaña quixo remodelar o Exército, modernizalo e, sobre todo, convertelo nun elemento para a defensa exterior. Contou con moitas reticencias, as primeiras, que o poder militar estaba en mans dun sector moi concreto e sumamente remiso aos cambios. O ideal da grandeza de España quedou subsumido no interese personalista do poder e do intento de control político dun sector do Exército, cara a dentro das fronteiras e non cara a fóra, que era o seu labor. 

A mirada cara á política interior de moitos xenerais continuou a pesar das infrutuosas e mellorables reformas de Azaña. O intento golpista de Sanjurjo de 1932 é unha boa mostra diso. Foi un levantamento militar de xenerais sen tropa, debido a que moitos estaban retirados e aínda non se daba a situación ambiental idónea para que triunfase. Os partidos políticos da dereita aínda crían no xogo democrático. 

Pero chegou o 36. Nas eleccións, non sen controversias, deuse por gañador á Fronte Popular. Desde ese momento, mesmo antes, varios políticos da dereita fixeron un chamamento para que participase o Exército na política interna. Aqueles xenerais, que, dito sexa de paso, non se preocupaban pola defensa das fronteiras da “Patria” que tanto abanderaban, pola contra, decidiron dar un golpe de estado. Alentado por partidos políticos, apoiado por unha banda da cidadanía, unha parte do Exército fixo o que levaban tempo esperando. Comezou unha Guerra Civil e, tras a vitoria dos sublevados, impúxose unha ditadura de corenta anos. 

Todos quixeron facer pasar por perfecta a Transición, e que posiblemente polas circunstancias social e políticas non se puidese facer mellor, pero o resultado, o sistema actual, necesita reformas

Despois da morte do xeneral Franco, iniciouse un período de transición a unha democracia que todos quixeron facer pasar por perfecta, e que posiblemente polas circunstancias social e políticas non se puidese facer mellor, pero o resultado, o sistema actual, necesita reformas. Con Narcís Serra como Ministro de Defensa do gabinete socialista de Felipe González, levaron a cabo unhas importantes reformas que culminaron coa profesionalización do Exército e o seu recoñecemento no exterior. Reformulacións que tiñan que ver coa introdución de España na OTAN. Independentemente dos aspectos negativos e positivos deste tratado, serviu para que houbese un cambio na preparación, e por conseguinte, na mentalidade dos seus membros. Por fin, o estamento castrense mirou cara a fóra das súas fronteiras, para o seu fin: protexelas. A pesar do pacifismo que podemos abanderar moitos de nós, ninguén pode negar a profesionalidade, a modernización e a súa adaptación ao sistema democrático das Forzas Armadas. Por iso, é intolerable volver escoitar os ruídos de sabres, agora virtuais, que manchan non a unha institución, senón a todo o país. Unhas palabras e accións que avergoñan, ou deberían, non só aos seus compañeiros senón toda a cidadanía. Poñen en dúbida a transición e modernización das Forzas Armadas e, por extensión, todo aquel período que nos presentaron como de cambio. 

 Volve, ou quizais para eles nunca se foi, ao rodo sociopolítico o discurso da España contra a anti-España que tanto se repetiu desde a Restauración borbónica do século XIX e que defendeu o franquismo

Quen coñeza as Forzas Armadas sabe da importancia social, militar e política dun xeneral, así como das relacións que manteñen con estamentos do Goberno e mesmo coa Xefatura do Estado. Sendo así, é obvia a relación dos xenerais do famoso grupo de WhatsApp cos actuais xefes e oficiais, aos que formaron. De aí a gravidade e, porque non dicilo, o medo que provoca a súa aseveración de que habería que fusilar a vinte e seis millóns de españois, e quero recalcar isto último, españois. Por que vinte e seis millóns? Porque volve, ou quizais para eles nunca se foi, ao rodo sociopolítico o discurso da España contra a anti-España que tanto se repetiu desde a Restauración borbónica do século XIX e que defendeu o franquismo. Non é unha camarilla de nostálxicos, senón un conxunto de mandos que non abandonou aquela mentalidade militar de querer ter unha maior preocupación polo control da política interior que na defensa das súas fronteiras e que, ademais, prefire envolverse en bandeiras que protexer aos cidadáns dese país que tanto desexan defender. Para eles, España é algo moi concreto, e o máis revelador, é seu. Como no franquismo e nos peores sistemas políticos do período de entreguerras, para estes militares (e quen os defende ou alentan), eses vinte e seis millóns de cidadáns non son iguais ao resto e por iso deben ser eliminados. A gravidade das palabras fala por si soas. 

O que desexan estes alto mandos do Exército xa retirados, ocorreu no pasado, e o resultado foi a morte dunha inxente cantidade de persoas na retagarda e nos campos de batalla, do mesmo xeito que se gababan no seu chat. Isto sucedeu a pesar de que só un reducido grupo de militares e políticos o desexase, como se demostrou en Soldados a la fuerza (2013) de James Matthews, ou Soldados de Franco (2020) de quen subscribe. Durante aquela Guerra Civil, uns poucos obrigaron a toda a cidadanía a posicionarse e converteunos en verdugos da outra metade. É indecente que se pretenda repetir a historia. Por iso, non debemos permitir ningún tipo de ningún tipo de acción ou opinión antidemocrática, e menos de individuos que serviron ao Estado e tiveron tanta responsabilidade social, política e militar.

Non se pode consentir que algúns partidos políticos con representación parlamentaria alenten ou defendan este tipo de accións. É unha actitude anticonstitucional e antidemocrática

Do mesmo xeito, non se pode consentir que algúns partidos políticos con representación parlamentaria alenten ou defendan este tipo de accións. É unha actitude anticonstitucional e antidemocrática. Algúns políticos convidan as Forzas Armadas (FFAA) a ser partícipes do debate político, agora, cando xa os “ruídos de sabres” non eran máis que o eco dun pasado recente. O actual Goberno non só contémplano como ilexítimo, senón, ademais, como usurpador do seu poder. Mesmo argumento que empregaron desde as eleccións de febreiro de 1936 ata o golpe de Estado, os que perderon as eleccións e escondéronse baixo a espada de militares que decidiron iniciar o “episodio nacional” máis triste da historia de España. Dun e outro bando partiron homes que, con diferentes ideas, percepcións do mundo, estratos sociais, nivel alfabetización, mandáronos a matar a esa outra metade. Quen sabe como houbesen fanfarroneado o xeneral Mola e compañía se tivesen WhatsApp.

Non se trata dunha cuestión privada, nin debemos  banalizarla. A liberdade de expresión só pode emerxer nos límites da democracia, e estes son moi claros e amplos. Non os chamemos nostálxicos, non branqueemos a situación, xa que estiveron en activo ata hai pouco e manteñen unha influencia nada desdeñable. Unha parlamentaria escribiu na súa tuiter que “Hoxe máis que nunca, é hora de lembrarlle ao exército que a nación, non é o mesmo que o Estado. E eles xuraron o primeiro”. Non afirmo, faltaría máis, que ela pedise que se perpetrase un golpe de Estado e moito menos que estea a favor do devandito nese chat, pero si, que é unha mostra da ignorancia sobre o que representa as FFAA. Os seus membros xuraron a Constitución e nela están ao servizo do poder executivo, e este último estao do Parlamento, é dicir, de todos os cidadáns do Estado. Por iso, pódese afirmar que as Forzas Armadas cumpren co pacto constitucional e é unha institución democrática. A súa función está delimitada e non é, de ningunha maneira, participar do debate político e social. Por iso, quero deixar claro, que as opinións do chat non embazan o excelente labor de moitos dos seus compañeiros, aínda que si poden xerar receo sobre canto puido calar este discurso nas actuais Forzas Armadas.

Finalmente, involucrar o xefe do Estado pon en dúbida o papel asignado pola Constitución á institución monárquica. A gravidade reside en que a carta foi asinada usando o emprego militar, e como individuos que serven ao Estado, ese tipo de accións son incompatibles coa democracia (e a constitución). Na miña opinión, o director de Comunicación da Casa da súa Maxestade o Rey debería indicarlle ao monarca que é conveniente saír a dar explicacións, pois é no seu nome no que se jactan de querer perpetrar semellante matanza. Porque non podemos obviar, que a pesar do excelente labor que cumpriron nos últimos anos, existe unha pedra moi pesada sobre o Exército, debido ao papel que tivo na historia recente de España. É o momento de que se demostre que o Exército actual non é aquel que miraba cara ao interior, senón que é moderno. O mesmo ha de deixar claro a Xefatura do Estado, pola contra, esta última deixaría de cumprir o pacto constitucional e sería o momento de abrir novos debates.

O peor desta noticia non é comprobar que non se erradicou unha mentalidade propia dos anos trinta do século pasado, senón observar que moitos están de acordo con ela e foméntana, algúns desde o seu asento no Congreso

O peor desta noticia non é comprobar que non se erradicou unha mentalidade propia dos anos trinta do século pasado, antidemocrática e anticonstitucional, senón observar que moitos están de acordo con ela e foméntana, algúns desde o seu asento no congreso. Son optimista e sigo crendo en que estes xenerais mancharon a reputación dunhas Forzas Armadas modernas. Gustaríame que os seus membros estivesen de acordo comigo nesta aseveración e pensen “eles non me representan”. Eu seguirei crendo no seu bo facer. 

Con todo, quédame un halo de pesadumbre, e creo que, na transición á democracia e nos seus corenta anos de historia, en algo se fallou, quizais no máis crucial: en crear unha verdadeira cultura social e democrática, para que este tipo de comportamentos non sexan acirrados, senón que sexan vistos como algo repulsivo. Non deixemos para máis adiante esta materia, poida que sexa demasiado tarde.

facebook
Twitter
Follow

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

es Spanish
X
error

síguenos