Todo pasado é presente, pero debe proxectar un futuro

A memoria histórica non debe ser tampouco un instrumento para correxir o discurso manipulado dos vencedores para abandeirar o distorsionado dos vencidos.

Publicado por O Salto Galiza ó 11 de xaneiro 2021

Son moitos os intelectuais que estableceron unha unión entre pasado e presente; entre o que lembramos como individuos e de maneira colectiva; ou o estudo de acontecementos transcorridos e as vivencias contemporáneas. E é certo que, aínda que memoria e Historia son dúas formas de coñecemento diferentes, están estreitamente entrelazadas. En ningún caso, ningunha de ambas debe contemplarse como unha pedra, incólume ao paso do tempo. Tampouco son unha arma arroxadiza que se poida lanzar desde esas trincheiras imaxinadas e creadas por colectivos con intereses extremadamente partidistas. Estes sectores, despreocupados pola realidade histórica (se tal cousa existe) o que pretenden é crear discursos públicos belixerantes que buscan construír unha identidade política e aumentar o apoio ás súas causas e que, de modo colateral, fragmentan a sociedade. A eses relatos ninguén debese consideralos nin Historia nin memoria, senón unha vil manipulación. O Estado español atópase actualmente nesta lamentable situación.

A historia de España ten “trapos sucios” que se deben limpar e o único camiño pasa por “airealos”, por estudalos desde todas as perspectivas das Ciencias Sociais e as Humanidades. Do mesmo xeito, a memoria histórica non debe ser tampouco un instrumento para corrixir o discurso manipulado dos vencedores para cambiar o modificado polos vencidos. Por iso, defendo a aprobación dunha Lei de Memoria Histórica democrática, e, como tal, esta debe ser inclusiva, diversa e proxectar un futuro no que a sociedade se recoñeza de forma orgullosa. Así, poderemos formar a cidadáns responsables e respectuosos co diferente e co cambio, aspectos consustanciais á natureza humana e o puro reflexo do Estado español. Acerca da Guerra Civil española, a ditadura franquista e, nos últimos anos, a transición á democracia, xerouse non só un debate historiográfico, senón tensións no Parlamento que traspasaron as súas portas e se instalaron na sociedade. Non podemos seguir deixando esta tarefa pendente.

Por iso, desde a metodoloxía rigorosa das Ciencias Sociais e Humanas, débese recoller todas as voces existentes sobre o pasado para construír un relato común de mínimos

Como se pode substituír esta “guerra civil” das palabras polo verdadeiro discurso histórico? Hai que deixar claro que non hai un único camiño. Por iso, propoño que comece a aceptarse que a sociedade é diversa e que en democracia non só é lícito, senón positivo, poñer en dúbida, tanto no debate intelectual como no político, os diferentes “episodios nacionais”. Hai que asumir que non vai existir un completo consenso, senón un continuo cuestionamento que sempre será proveitoso e necesario. Por iso, desde a metodoloxía rigorosa das Ciencias Sociais e Humanas, débese recoller todas as voces existentes sobre o pasado para construír un relato común de mínimos, que nos permita convivir e mirar os acontecementos vividos con ollos democráticos.

Neste proceso de historia democrática, nin os golpistas nin a ditadura poden participar. É momento de que o Parlamento se pronuncie firmemente. Forzas políticas como o Partido Popular e Vox teñen que estar dispostas a iniciar ese diálogo, condenando as mortes do bando golpista e a súa posterior ditadura. Non esquezamos que hoxe toda simboloxía contraria á democracia, así como partidos como Falange Española e de las JONS, non son ilegais, a diferenza do que ocorre en Alemaña. Debemos conseguir que ningún colectivo sexa recoñecido nin autoproclamado como os continuadores daqueles que no seu día foron “inimigos” manifestos da democracia, pero para iso teñen que reprobar aquel pasado. O mesmo camiño paralelo debe seguir a esquerda. Debe aceptarse e sinalarse que houbo asasinatos brutais no bando republicano, aínda que á súa vez reivindiquen o que fixeron na defensa dos dereitos civís e a democracia. Só así poderiamos preparar a construción dun relato común, como no resto dos países da nosa contorna, que sirva para a construción dun Estado diverso, como a sociedade española, cambiante co devir dos tempos e dos achados dos investigadores, e inclusivo con todas as formas de pensamento democrático. Ata que non exista, todas as decisións que se adopten sobre o pasado serán discutidas e aproveitadas politicamente.

Por que ten que redactarse unha Lei de Memoria Histórica? Por que debe quitarse ao ditador do Valle dos Caídos? Por que debe investigarse o pasado? Por que reparar á memoria das vítimas? Por que dedicarlle un monumento ou unha rúa a unha determinada persoa? Son preguntas que non tiveron resposta por parte dos Executivos que lexislaron sobre a Historia. Non só non responderon a estas preguntas, senón que, no canto de tomarse as decisións adecuadas, consensuadas e acordes co rigor académico, o que se fomentou desde esas “trincheiras imaxinarias” é un conflito político que transcendeu ao ámbito social. Se seguimos sumando a este despropósito a inexistencia dese relato, calquera tipo de lexislación será discutida e convertida nesa pedra, nesa arma.

exhumacion franco helicoptero 2

Deixemos de quitar ou poñer estatuas, bustos e nomes de rúas se non veñen acompañados dunha pedagoxía democrática do que representan. Recentemente, por orde xudicial, o Estado recuperou o Pazo de Meirás que estaba en mans da familia Franco. Foi un labor, conseguida grazas a historiadores (Emilio Grandío ou Manuel Pérez Lorenzo) e á sociedade civil (xunto con papel do Bloque Nacionalista Galego). Pero, por que debía expropiarse o Pazo? Quen participou deste proceso non tivo o protagonismo nin a capacidade de explicar á cidadanía o porqué desa correcta e necesaria decisión. A sociedade ou ben non entende ou ben descoñece os motivos polos que debe lexislarse sobre a “Historia”. Debe lembrarse que mesmo a lei emprendida polo goberno de Rodríguez Zapatero foi criticada por membros do seu propio partido. De aí deriva a importancia de explicar primeiro o “por que” é necesaria a lei e os beneficios democráticos que trae consigo.

O mero relato, en bruto, non basta; hai que acompañalo dunha análise crítica do que se deben apartar categorías binarias como bos e malos, vermellos e azuis, vencidos e vencedores, vítimas e verdugos

Pero o mero relato, en bruto, non basta. Hai que acompañalo dunha análise crítica do que se deben apartar categorías binarias como bos e malos, vermellos e azuis, vencidos e vencedores, vítimas e verdugos. Creo que este exemplo real pode servir para que moitos mediten sobre iso. En Galicia, a partir do golpe de estado de 1936, un pai de familia, militante da UXT, aconselloulle ao seu fillo, tamén membro do sindicato, que se alistase no exército golpista para salvar a vida. Fixo caso ao consello do seu proxenitor, pero as forzas vivas que controlaron o territorio galego apresaron ao pai e condenárono á morte ante un pelotón de fusilamento. Un dos soldados que nomearon para formar o devandito pelotón de execución foi o seu propio fillo. Finalmente, o fillo puido librarse de estar presente na execución do seu pai, pero, se estivese presente, quen sería a vítima e quen o verdugo? Sería un verdugo o seu fillo? Este tipo de casuística, só analizable polas Ciencias Sociais e Humanas, grazas ao labor da memoria da sociedade civil, debe ser explicada para non caer nun debate entre bos e malos ou no infantil “e ti máis”. Ese relato común ten que ir nesa sintonía, para crear unha sociedade coñecedora do seu pasado, crítica con el e que senta próxima a todas estas problemáticas.

facebook
Twitter
Follow

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

es Spanish
X
error

síguenos